MANOLO RIVAS, KAREN MARON E GERVASIO SÁNCHEZ PREMIOS PORTAPAZ 2009
A Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz decidíu conceder os seus PREMIOS PORTAPAZ que entrega anualmente a persoas e/ou entidades que destaquen na defensa e promoción dos valores cívicos e democráticos, dos dereitos humanos e da Cultura da Paz, ó escritor galego, Manolo Rivas, ó fotoxornalista Gervasio Sanchez, e á xornalista arxentina Karen Maron.
O Acto de entrega será o vindeiro día 29 de Xaneiro, víspera do Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Gandhi, na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela. Posteriormente haberá unha Cea de Homenaxe cos galardoados nun coñecido Restaurante de Compostela.
Con esta iniciativa o Seminario Galego de Educación para a Paz inicia as actividades do novo ano coas celebracións do Día Escolar pola Paz. Nos próximos días estará a disposición do profesorado na súa web: www.sgep.org a Unidade Didáctica titulada “Sobre dereitos e responsabilidades de nenas, nenos e adolescentes” con información ampla sobre a Declaración e a Convención dos dereitos do neno e a nena, así como diversas propostas e recursos didácticos para conmemorar o aniversario da morte de Gandhi nas aulas.
Ademais realizará o seu tradicional acto conmemorativo na Horta da Paz da Casa de Rosalía de Castro en Padrón, o mesmo día 29, ás 11:30 horas, con nenos e nenas da comarca padronesa.
Tamén está previsto un acto no Parlamento de Galicia, tal e como se ven celebrando nos últimos anos, con mozos e mozas dos institutos de Compostela.
Fai clic aquí para ver a Galería e Fotos
Ver a noticia en La Voz de Galicia Ver a noticia en El Correo Gallego