EDUCACION EN DEREITOS HUMANOS E HISTORIA
Ana Juanatey
O pasado 27 de xaneiro celebrouse, un ano máis, o día internacional da Memoria do Holocausto. Neste día a Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, no marco da Conferencia Ministerial de Educación celebrada en Auschwitz, presentou un informe sobre o papel que os museos e os centros históricos teñen na educación sobre o Holocausto e os dereitos humanos a nivel europeo. Cada ano en Europa millóns de persoas visitan museos e centros históricos vinculados ós crimes nazis, así como exposicións sobre o Holocausto. Este informe, o primeiro que aborda esta cuestión a escala europea, intenta analizar a contribución que estes espazos fan á educación en dereitos humanos en Europa.
PREME EN LER MÁIS PAR VER O RESTO DO ARTIGO
Descubre o pasado polo futuro (Artigo)
Var a axenda escolar con contidos sobre dereitos humanos e diversidade
En España non abundan os museos sobre os crimes nazis (menos en Galicia) polo que parecería á primeira vista que este informe non nos incumbe demasiado. Sen embargo, este estudio afronta unha cuestión máis ampla sobre a que si deberíamos reflexionar: á necesidade de relacionar a educación en dereitos humanos coa ensinanza da historia nas escolas. As conclusións do informe revelan que cando se explica o Holocausto nos museos e nas escolas da UE, raramente se relaciona coa explicación dos dereitos humanos. O estudio recomenda por tanto ós estados membros integrar a educación en dereitos humanos nos programas escolares, relacionándoa necesariamente coa propia historia europea.
De feito, o obxectivo último deste proxecto da Axencia Europea é precisamente o de reforzar a relación entre a reflexión sobre os feitos históricos, como o Holocausto, e as reflexións sobre a historia e a actualidade dos dereitos humanos. Por unha banda, parece bastante complicado intentar ensinar ó réxime internacional dos dereitos humanos, ou os valores que o inspiran, sen falar de eventos históricos de gran importancia para á súa evolución. No caso do Holocausto, a súa omisión á hora de explicar os dereitos humanos parece especialmente grave, posto que o impulso principal da construción do réxime internacional dos dereitos humanos foi precisamente o impacto que o coñecemento do Holocausto tivo na conciencia da humanidade.
Por outra banda, a ensinanza do Holocausto pode ser unha ferramenta moi útil para axudar á xuventude a responder ós desafíos que en materia de dereitos humanos afrontan as sociedades europeas. Nos últimos anos presenciamos en Europa un aumento da actitudes xenófobas e racistas, así como unha desconfianza crecente cara ós inmigrantes, o que se reflexa nos programas políticos dos partidos europeos de extrema dereita. Se queremos evitar que forzas políticas racistas e intolerantes gañen terreo nas sociedades europeas é importante que a xuventude coñeza e reflexione sobre o noso pasado común. Non hai mellor vacina contra estes modelos que observar o horror do ronsel que os nazis deixaron o seu paso por Europa. Tendo isto en conta, debe de haber poucas cousas máis educativas para a xuventude europea que un paseo por Auschwitz .