Coordenadora de Crentes Galegos
Esculca
Seminario Galego de Educación para a Paz
Xustiza e Sociedade

ADESIÓNS INDIVIDUAIS OU DE ENTIDADES
Se desexas aderirte, fai clic aquí
Se queres: Descarga eiquí o manifesto
Visualiza o video
Para ler o manifesto, preme en ler máis
MANIFESTO POLA LAICIDADE DO ESTADO As persoas e organizacións da sociedade civil, abaixo asinantes, queremos trasladar ás distintas forzas políticas que concorren ás Eleccións Xerais do próximo 9 de Marzo, e ao conxunto da cidadanía, unha iniciativa que pretende avanzar cara a un auténtico Estado non confesional, laico, homologable cos países do noso contorno, e tal e como establece ademais -de xeito explícito- a Constitución. O que propomos, aberta e sinceramente, é unha iniciativa pola laicidade do Estado que ten como fundamento os artigos 16 e 14 da Constitución cando afirman, respectivamente, que “ningunha confesión terá carácter estatal” ou que “non pode prevalecer ningunha discriminación por razón de relixión ou opinión”. A laicidade que reivindicamos das distintas autoridades do estado e das forzas políticas e sociais faise hoxe absolutamente necesaria para evitar as condutas progresivamente invasivas da actual Conferencia Episcopal en relación cos nosos dereitos constitucionais como ciudadan@s laicas. Entre estas condutas resaltamos as seguintes: 1º.- A actitude abertamente política e militante das Conferencia Episcopal, chamando ata á desobediencia civil e á obxección de conciencia, contra a implantación da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, como consecuencia da aprobación dunha lei educativa polas Cortes Xerais que representan ao conxunto da soberanía popular. En moitos centros concertados estanse desvirtuando deliberadamente algúns dos seus contidos curriculares, especialmente aqueles que teñen que ver coas condutas e comportamentos sexuais ou cos novos modelos familiares. 2º.- O uso e o abuso da chamada “declaración eclesiástica de idoneidade” para ensinar a relixión católica nos centros escolares públicos e concertados, co despropósito que supón que esa declaración sexa esgrimida como causa de despedimento de profesores e profesoras contratadas pola autoridade civil e financiadas con cargo aos orzamentos do Estado. Realmente, tal e como di o Tribunal Constitucional “o núcleo a cuestionar debese ser a inserción do ensino da relixión -de calquera relixión, engadimos nós- no itinerario educativo do ensino regulado”, inserción que nós consideramos que non debería producirse en ningún caso. 3º.- Tamén resulta especialmente preocupante, pola súa persistencia e continuidade, os planos de confusión entre a representación política da sociedade e a relixiosa nos distintos actos oficiais, particularmente, nos funerais de Estado polo rito católico, tal e como aconteceu logo do inxustificable atentado do 11M, sen ter en consideración o pluralismo das vítimas, ou con ocasión doutras cerimonias como as ofrendas ante o señor Santiago, na catedral de Compostela, ou a presidencia das procesións relixiosas coas autoridades civís sen considerar que as citadas autoridades, democraticamente elixidas, representan a toda a cidadanía, non simplemente á católica. A presenza de autoridades políticas en actos relixiosos soamente ten sentido con carácter estritamente persoal e nunca debesen participar con carácter institucional. 4º.- O privilexio de trato que a Igrexa Católica recibe por parte do Estado nas cuestións económicas e impositivas tamén resulta discriminatorio e indignante ao retraer dos impostos recadados de toda a cidadanía, católica ou non, o 0,7% dos que así o decidan, en prexuizo de toda a cidadanía. Ademais, incrementouse o montante total do transferido polo Estado con anterioridade. Debemos resaltar que o destino dos ingresos da asignación tributaria a favor da Igrexa católica é exclusivamente e na súa totalidade para o mantemento do culto e do clero, asumindo tamén, neste capítulo, os soldos dos párrocos, co que a discriminación con outras confesións relixiosas e con outras organizacións da sociedade civil resulta evidente e lacerante. Para obras sociais como hospitais, asilos, centros de ensino... os cartos que a Igrexa recibe veñen da retención para obras sociais. O Estado non debería financiar a ningunha relixión. Toda estrutura ou confesión relixiosa debe autofinanciarse. O que podería facer o Estado é apoiar as actividades de calquera relixión ou entidade que teñan un marcado carácter social. 5º.- A utilización dos espazos públicos con finalidades relixiosas que ao fin derivan en partidismo político, tal e como ocorreu na recente concentración en defensa da familia católica, que respectamos como expresión democrática, pero que non podemos admitir en canto descualificación sectaria doutras concepcións de familia ou polas valoracións negativas relativas aos contidos dos Dereitos Humanos, particularmente, aqueles relacionados coa igualdade da muller. En relación con algunhas valoracións realizadas na citada concentración quizais non estea de máis recordar que o Estado Vaticano aínda non ratificou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos nin o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. A experiencia recente mostra como sectores da xerarquía católica actual -en España- avanzan nun proceso de radicalismo neoconservador sen precedentes na democracia, reafirmando o seu papel de vítima porque este país deixe de ser unha teocracia ou estrañando con nostalxia o nefasto período do nacionalcatolicismo cando a doutrina da igrexa católico-romana inspiraba ata o Código Penal (penalización do adulterio das mulleres, venda de anticonceptivos...), e cunha voracidade insaciable, sen ningún sentido da lealdade ou da reciprocidade, pretende agora seguir demandando o que un estado democrático e aconfesional nin pode nin debe conceder. En definitiva, como cidad@ns pacificamente insurrectos queremos, non só denunciar publicamente estas actitudes irritantemente invasivas da xerarquía católica, porque atentan á nosa cidadanía laica, senón tamén reclamar das autoridades políticas do Estado e das forzas que concorren ás Eleccións Xerais do próximo 9 de Marzo, medidas concretas de carácter programático, lexislativo e político, que permitan cumprir e facer cumprir un mandato constitucional como é o da non confesionalidade. Porque non chega con compromisos vagos de avanzar na separación da Igrexa e do Estado. Pensamos, máis concretamente, na denuncia do Concordato co Vaticano de 1953, substituído por unha serie de Acordos en 1979 e outros parciais sobre materias concretas, como os relativos ao ensino e aos asuntos culturais, e complementados en diversas ocasións en cuestións administrativas e económicas, trato fiscal, subvencións, etc. Estaremos contribuíndo así, simplemente, ao desenvolvemento dun principio constitucional como é o da neutralidade relixiosa do Estado, formalmente vixente pero materialmente incumprido.