VIOLENCIA E MEDIOS DE COMUNICACIÓN, por Manuel Dios Diz
Valeu a pena. Desde logo. Así o recoñecían as numerosas persoas participantes na clausura dos XIX Encontros de Educación para a Paz, o domingo, a mediodía, con moitos nenos e nenas, pais e nais chorando de alegría, asistindo a unha representación de teatro cos seus fillos e fillas, alumnos e alumnas da Colexiata de Sar e a un pequeno concerto de música de cámara protagonizado por rapaces e rapazas do grupo Berenguela.
¿Por qué non temos programas televisivos con estes contidos?, preguntaban. ¿Por qué non temos informativos para nenos e nenas feitos por eles?, si estamos e estarían encantados...
Efectivamente, durante cinco días, en Compostela, caladamente, varios centos de persoas, expertos, investigadoras, profesionais, educadores, estudiantes, pais e nais, reflexionaron, debateron, intercambiaron puntos de vista, experiencias, tamén denunciaron, reivindicaron, compartiron amizades, afectos e sentimentos, arredor dunha nova convocatoria, a décimo novena xa, dos Encontros de Educación para a Paz que, desde 1985, ven promovendo o Seminario Galego de Educación para a Paz, puntualmente, cada primavera, cando aínda non aventamos as andoriñas...
Nesta ocasión tratábase dun tema de relevancia e actualidade, a violencia e os medios de comunicación. Aquí foron convocados especialistas de prestixio, estudiosos da TV, directivos dos propios medios, profesionais, e tamén docentes, educadores e educadoras, interesados non só en utilizar os audiovisuais como recurso didáctico senón tamén en promover aprendizaxes significativas sobre a imaxe e a linguaxe audiovisual nas súas aulas, o que chamamos, educar para os medios de comunicación.
Houbo conclusións, cómo non. De feito redactáronse en forma de Recomendacións dirixidas ós distintos sectores implicados, industria audiovisual e programadores, pais e nais, profesorado e organizacións políticas.
As persoas participantes nos Encontros coincidiron e discreparon. Máis houbo tempo e espacio para construír o territorio dos consensos arredor de cuestións claves como que existen demasiadas escenificacións violentas, especialmente, na televisión, sobre a muller, nenos e nenas, anciáns e grupos minoritarios, étnicos e raciais, que están contribuíndo a modelar estereotipos profundamente negativos e a consolidar, no público, numerosos contravalores que contradín, de facto, moitas das declaracións e dereitos que figuran na Constitución, no Etatuto, na Declaración Universal de Dereitos Humanos e na de Dereitos dos nenos e as nenas.
Son numerosas as películas e programas de TV nos que o agresor queda sen castigo, nos que o bo e aínda peor que o malo, nos que as accións violentas non teñen consecuencias, parecera como que non provocan víctimas ou sufrimento, onde a violencia resulta embelecida e depurada, recreada, con efectos de todo tipo para facela fascinante e irresistible.
Son moitas as series e os programas de todo tipo que se emiten dentro do horario considerado como infantil, con contidos inadecuados, e que non respectan nin protexen os dereitos dos menores, a maioría dos espectadores neses momentos. Non fai falla nomealos.
Resulta imprescindible, urxente, inverter nunha programación infantil e xuvenil propia, especialmente, nos medios públicos, de calidade, que entreteña, que informe, mais que tamén eduque, que estimule a imaxinación, que divirta, que ofreza unha imaxe plural, con información axeitada para cada idade, que ensine a reflexionar e que fomente a capacidade crítica.
Os pais e as nais deberían ver a TV cos seus fillos e fillas, na medida do posible, facéndolles observacións e contrarrestando o seu potencial negativo mediante alternativas constructivas. Non deberían facer excepcións cos espacios infantís e moito menos cos debuxos animados, nin consideralos, a priori, inocuos. Seleccionar os programas previamente, aprender a apagar a TV unha vez rematado o programa elixido, non permitir a TV no carto do fillo ou da filla, non usar a TV como premio ou como castigo. E, sobre todo, dar exemplo.
Os educadores e as educadoras temos responsabilidades. Teriamos que promover máis o espírito crítico entre o alumnado para que teñan referentes e poidan discernir o tipo de programación, o cine, os videoxogos, ou as páxinas de internet menos danosas. A incorporación dos medios audiovisuais á práctica docente, como recurso e como obxecto de estudio, non debera dilatarse por máis tempo. Porque como di o bo amigo Santos Guerra: "nun mundo de imaxes a escola segue a ser un illote de palabras".
A sociedade civil, as organizacións políticas, sindicais, deberían velar tamén pola ética dos contidos televisivos, impulsar, sen máis demora, a creación do Consello Asesor do Audiovisual de Galicia, con representación dos sectores implicados (medios, expertos, nais e pais, educadores, usuarios) para que vele pola calidade e a ética dos productos televisivos cun Observatorio sobre a Violencia na TV, así como a figura do Defensor do Menor.
Por último, seguimos a considerar necesaria a incorporación ós currículos do ensino primario e secundario da educación para a imaxe e a linguaxe audiovisual, ben como materia ou ben como un eixe transversal obrigatorio, facilitando, para elo, a imprescindible formación do profesorado en servicio.
Que así sexa...
Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz.
Coordinador dos XIX Encontros de Educación para a Paz sobre "Violencia e medios de comunicación".