|
Benquerido socio, benquerida socia:
O Seminario Galego de Educación para a Paz, do que formas parte, está pasando por unha das súas peores coxunturas económicas na súa dilatada historia, desde aquel mes de Decembro de 1985 no que comezamos a camiñar pola senda da Educación para a Paz.
As razóns temos que buscalas na restricción brutal das axudas e subvencións oficiais para proxectos concretos que tradicionalmente viñamos recibindo, axudas tanto públicas como privadas, e como consecuencia das políticas de axuste e de forte contención do gasto público emprendidas polas distintas administracións, de maneira moi especial en 2011 e 2012, o que provocou unha fortísima caída nos ingresos do Seminario. Por iso tivemos que poñer en marcha un riguroso Plan de Viabilidade, fortemente restrictivo, tanto no económico como no laboral.
Como sabes, o SGEP recibía financiación para actividades concretas de carácter formativo, divulgativo, etc., para publicacións, unidades didácticas, material audiovisual... da Xunta de Galicia e das súas Consellerías, nomeadamente, de Cultura, de Educación (Política Lingüística) e Presidencia (Cooperación), tamén de Caixa Galicia, dalgún Concello e da USC (fundamentalmente en especie), o que permitía a difusión de balde de materiais e recursos a colexios e institutos, entidades e profesorado, institucións e medios de comunicación, así como para a organización da celebración das actos e das efemérides ecopacifistas máis relevantes (Día dos Dereitos Humanos, Día Escolar pola Paz, por exemplo), Encontros e Xornadas (Encontros de Educación para a Paz, 25 edicións), Cursos de Formación, charlas en centros, etc.
Esta política de auténtica asfixia económica afecta a moitas entidades do Terceiro Sector e ONGs. De feito, amenaza seriamente con desvertebrar a práctica totalidade da sociedade civil galega e as estructuras de participación cidadá nesta materia e que foron creándose nos últimos anos.
O número de socios e socias do SGEP, sobre 200 en toda Galicia, e as axudas recibidas da Fundación Cultura de Paz, tamén en retroceso por razóns similares, non permiten soster nin o nivel de actividade nin tampouco os gastos correntes que ata a data viñamos mantendo, nomeadamente de persoal e local.
En consecuencia con todo o anterior, a Xunta Directiva puxo en marcha, como adiantamos, un PLAN DE VIABILIDADE 2011-2012 que, en síntese, significou o remate dos contratos laborais mantidos (ata 5 persoas con ocasión do Foro 2010) e o aforro drástico en gastos correntes. A diminución do persoal laboral, por medio de acordos pactados e amistosos, tivo tamén fortes custes económicos que decidimos –colexiadamente- afrontar.
A suba das cotas de asociado/a, a posta en marcha dunha tenda virtual, a posibilidade de facer doazóns privadas, a solicitude e pago dun crédito ICO Liquidez, os préstamos persoais dalgúns directivos, e as axudas da Fundación Cultura de Paz recibidas, non son suficientes. Mesmo arrastramos débedas institucionais relevantes co SGEP, desde 2010, que aínda non percibimos.
Como podedes supoñer, témonos dirixido a concellos e deputacións, entidades públicas e privadas, consellerías, fundacións, etc. na procura de novos recursos e ingresos. Tamén temos ofertado diversas propostas de actividades para asinar novos Convenios Marco de Colaboración que confiamos en concretar, próximamente, alomenos cos Concellos de Ourense, Coruña, Lugo, Ribeira e Santiago.
En consecuencia con todo o anterior, a Xunta Directiva, na súa reunión correspondente ó mes de Abril, vén de decidir deixar o local que na actualidade tiñamos na Rúa do Valiño 13- 1º, a finais do presente mes de Maio, e trasladarnos ó Mosteiro de Herbón, en Padrón, de forma gratuíta. Alí seguiremos atendendo as vosas demandas e as do profesorado e a comunidade educativa en xeral mantendo tamén a atención telefónica e a páxina web.
Por último, as cotas correspondentes ó ano 2012, por acordo da Xunta Directiva, as pasaremos ó cobro a finais do mes de Xuño e non en Novembro- Decembro como habitualmente faciamos.
Restrinxidos ata o máximo os gastos correntes, buscando novas fontes de financiación para incrementar os ingresos, a Xunta Directiva espera, coa axuda de todas e de todos, aboar as débedas existentes, tanto co ICO como coas persoas directivas que xenerosamente fixeron préstamos persoais para afrontar esta difícil coxuntura que remontaremos, sen dúbida algunha, como en anteriores ocasións o fixemos.
Na plena confianza de que sairemos adiante, recibide un saúdo afectuoso da Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz.
E no seu nome,
Manuel Dios Diz Presidente Seminario Galego de Educación para a Paz FUNDACION CULTURA DE PAZ www.sgep.org Tfno: 981-554053 |